Monday 29 de April de 2024

Unha obra da Deputación permitirá mellorar a seguridade e renovar servizos da principal vía de entrada a Aguiño


A actuación posibilitaría habilitar un carril de sentido único no tramo afectado sempre que se constate que non prexudica os tempos e a fluidez do tráfico

O alcalde de Riveira e deputado provincial Manuel Ruiz presentou este mediodía unha nova actuación aprobada o pasado venres no pleno da institución que preside Diego Calvo no marco do Plan de Travesías e que ten como obxectivo mellorar a seguridade e renovar os servizos na principal vía de entrada á localidade de Aguiño.

A actuación –“unha promesa electoral deste grupo de goberno”, segundo afirmou o alcalde- comporta un investimento de 464.877,78 euros e persegue o obxectivo de reordenar o tramo comprendido entre o coñecido como Cruce de Aguiño e o porto á altura da rúa do Carreiro.

O seu desenvolvemento permitirá a renovación de servizos nun tramo de 660 metros liñais. Neste senso, disporanse dous liñas de pluviais (unha baixo cada beirarrúa) formadas por colectores de polipropileno de 315 milímetros de diámetro; e soterrarase a canalización eléctrica coa conseguinte eliminación dos postes de Fenosa.

Pasos elevados
Por outra banda, a súa posta en marcha suporá a mellora das beirarrúas actuais -que xa superan as dúas décadas de existencia- a través da colocación de máis de 3.000 metros de novas lousas de formigón e 1.280 metros de bordillos. Tamén serán elevados seis pasos de peóns.

Un dos aspectos máis significativos do proxecto estriba na posibilidade de reducir os dous carrís existentes a un carril de sentido único. A este respecto, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible recentemente elaborado aconsella este cambio, ao entender que beneficia a seguridade viaria sen supoñer merma no fluxo ou nos tempos de circulación.

Cen prazas de aparcamento
Ademais, o espazo gañado permitiría habilitar cen prazas de aparcamento, en lugar das 16 que hai agora, co conseguinte beneficio para os veciños.

De calquera xeito, e dado que a propia execución da obra conleva ter que restrinxir a circulación a un único carril (e ademais non se varía o ancho de rodadura), antes de tomar unha decisión definitiva comprobarase como se está a comportar o tráfico mentres teñen lugar os traballos da actuación.

Os que si conservarán o dobre sentido son os tramos existentes entre a rúa Lagarto e o Cruce e dende o porto ata a rúa do Carreiro.

Por último, Ruiz Rivas anunciou que se ben o prazo de execución inicial son 10 meses, calcúlase que en función das ofertas a obra terá unha duración aproximada de 6 meses e que principiará previsiblemente no mes de abril.

Viveiro de empresas
O alcalde fixo mención tamén a outro acordo aprobado o venres na Deputación, en virtude do cal esta entidade asume a parte do financiamento do Viveiro de Empresas que lle correspondía ao Concello, por un importe superior aos 70.000 euros.